Facendo unha análise dos meus 25 anos adicados á produción artística en case tódolos ámbitos e formatos (ópera, cine, tv, teatro, danza, publicidade, circo, festivais,…), cheguei á conclusión de que os produtos máis transformadores, tanto para min como para o público, foron aqueles que trascendían á industria artística; aqueles que sacaban aos artistas dese bucle incesante de creación-produción-distribución que en demasiadas ocasións establece uns prazos e uns espazos que acaban por aillar o talento artístico do resto da sociedade.

O traballo con colectivos e individuos alleos á industria cultural, a docencia de ferramentas de expresión artística, a búsqueda de novos formatos con finalidades sociais ou a investigación en contidos transversais a outras industrias, son os camiños por onde transcorrerá este FÓSFORO.

A sociedade precisa da vangarda artística. Non só para consumila, senón para vivir en simbiose e poñer o talento, a reflexión, a creatividade e a estética ao servizo da súa modernización. En FÓSFORO cremos firmemente que a arte debe ser transversal á sociedade e estar ao seu servizo.

Decidín adicarme á produción porque coñecía moita xente con talento artístico que non podía (ou non sabía) desenvolvelo. Máis adiante descubrín que non só as persoas, senón tamén as institucións, teñen estas dificultades para idear e desenvolver de xeito áxil proxectos creativos, especialmente cando abranguen a organismos de distinto rango e natureza, con calendarios, organigramas e procedimentos administrativos moi dispares.

FÓSFORO nace coa idea de ser un departamento de I+D+i, xerador e materializador de proxectos arriscados, en calquera ámbito da sociedade, que precisen ser abordados desde unha perspectiva cultural ou artística.